SOBRE AS XINCANAS E OS CONTACONTOS

SOBRE AS XINCANAS E OS CONTACONTOS

Dentro da campaña de sensibilización e prevención para a violencia de xénero “QUEN DIXO MEDO?” impulsada pola Deputación da Coruña; como todos e todas  sabedes englóbanse un total de 6 actividades diferentes. Hoxe queremos centrarnos en aquelas que teñen como destinatarios e destinatarias aos máis pequenos e pequenas. Falaremos pois dos contacontos, con obradoiro de manualidades e xincana coeducativa “Sen violencia, sen medo”.

Comezaremos aportándovos algúns datos sobre a actividade de contacontos. Durante os meses de decembro a marzo un total de 1269 nenos e nenas foron receptores/as do presente obradoiro.  O título do libro seleccionado para o desenvolvemento desta actividade foi “Te quiero casi sempre”; relato de Anna Llenas, que presenta a historia de Lolo; un bicho bola, ordenado, duro e moi controlador e de Rita, unha lucecú desordenada, amante da velocidade e á que todos miran cando alumea na escuridade. Aínda  que son moi dispares,  aprenden a  respectarse dentro das súas diferenzas.  A historia é o eixo vertebrador para traballar dun xeito lúdico a sensibilización do alumnado máis pequeno en torno á violencia de xénero, roles, estereotipos e a presentación das emocións. Nenos e nenas asimilan que a pesares de ser diferentes,  temos que aprender a respectarnos e empatizar cos demais; pilar fundamental para unha sociedade educada no respecto e na igualdade que poida erradicacar o uso da violencia.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Pasamos á segunda parte da actividade! é aquí onde nenas e nenos botan a voar a súa parte máis creativa a través da elaboración dun monicreque de Lolo ou Rita. Nós aproveitamos para afondar máis nos contidos. Aquí é onde nos decatamos da forza, que roles e estereotipos, exercen durante o proceso de socialización, así, hai Lolos que se converten en monstros e Ritas que se converten en princesas, ou cores como o rosa e o azul que se acabaron en varias ocasións. A pregunta de rigor agora é, estamos no camiño correcto?

Algo semellante detectamos na etapa de primaria. Nesta ocasión, a actividade realizada foi unha xincana coeducativa que recibe o nome de “Sen violencia, sen medo”. Nela  participaron un total de 658 mozos e mozas,  dos cales 351 homes e 307 mulleres. O eixo vertebrador desta actividade é o xogo.

Para o seu desenvolvemento deseñouse un taboleiro  moi especial, no que aparecían representados os símbolos do xénero feminino e masculino con casiñas numeradas que contiñan diferentes probas. O primeiro é formar equipos, momento no que os agrupamentos se mostraron claros, rapazas a un lado e rapaces a outro; pero non, non, nesta ocasión os grupos terán que ser mixtos, e comeza o xogo! Lanzan o dado, e desprazan a súa ficha polo taboleiro. Cada proba é diferente, motivo polo cal lle indicamos de que tipo de proba se trata, deportiva, adiviñanza, preguntas de verdadeiro e falso… Incidimos a través do uso destas probas en conceptos tan importantes como o amor romántico, os ciumes, a tolerancia, os estereotipos de xénero... toca poñerse de acordo para decidir  que persoa do equipo vai realizala. En caso de superala acadarán un anaco dunha palabra oculta. Gaña o equipo que  antes descubra cal é.

Chama a atención durante o desenvolvemento do xogo a segregación de sexos en torno ás probas propostas, sendo as de habilidades físicas as preferidas dos nenos e as de adiviñanzas ou xogos de palabras as das nenas. A segregación é realizada por eles e elas, sen interferir nós nas súas decisións. As sorpresa chega cando a proba deportiva que se propón é facer danzar un aro ao redor da cintura, nese momento é habitual que resoen risas de compañeiros e compañeiras e que o neno que con rapidez se dispuxo a realizar a proba de habilidade deportiva, lle ceda o aro a unha compañeira de equipo, ou mesmo chegar a negarse a realizar a proba.

Rapaces e rapazas, como se de unha radiografía da sociedade se tratase, mostran un comportamento moi estereotipado, teñen moi claro cal é o rol de cada quen en función do seu sexo; e aínda sendo conscientes das diferenzas que se fan presentes na propia aula a través do xogo da xeración de grandes debates nos que  mostran o seu desacordo con tales diferenzas, pesa máis a tradición cultural, a opinión dos demais e o que dirán, isto leva ao alumnado á resolución das probas segundo á orde social establecida, unha orde social asentada no sistema patriarcal, onde os mozos asumen que dominan os deportes, fronte a unhas mozas tranquilas, pasivas, que responderán mellor ás cuestións de pensar e recapacitar.

A xeito de resumo e á vista do resultado obtido, deixámosvos unha reflexión en voz alta:

“Co mantemento dos roles e estereotipos de xénero que transmitimos ás novas xeracións contribuímos a que sexan libres? A ser seres integrais? Ao seu desenvolvemento pleno? A ser tolerantes? A crer firmemente na igualdade entre mulleres e homes? De non ser así, se un mozo considera que está por riba dunha moza polo feito de selo, como eliminaremos a violencia de xénero?”