PORNOGRAFÍA VS EDUCACIÓN SEXUAL

PORNOGRAFÍA VS EDUCACIÓN SEXUAL

Internet converteuse nun universo paralelo, algo así como unha dimensión extra na que os mozos e mozas de todo o mundo son capaces de percibir, comprender e desenvolverse nela, mentres que xeracións predecesoras son incapaces de entender tan sequera o papel que ocupa a rede na vida actual. Cada vez con maior celeridade, mozos e mozas, buscan respostas no “poderoso” mundo de internet, un rico e inmenso universo cheo de información de todo tipo no que os perigos tamén abundan, entre outras cousas porque o auxe das novas tecnoloxías e, nalgúns casos, a falta de control favoreceron que hoxe en día accedamos libremente a páxinas de calquera temática, independentemente de que o seu material non sexa o máis apropiado para o usuario.

Por este motivo, nos últimos anos disparouse o consumo de pornografía entre a poboación máis nova. Un feito que non só pode supor un incremento das actitudes machistas, senón que tamén chega a ofrecer unha visión "distorsionada" da realidade. Os e as profesionais da psicoloxía e aqueles que se especializan no ámbito da sexoloxía apuntan xa desde hai tempo a que internet e a pornografía están ocupando o espazo que deixa libre o sistema educativo, ao non tratar algo que na adolescencia esperta moitísima curiosidade: o sexo e a sexualidade. Nese espazo “baleiro” debería existir unha educación sexual que establecese uns valores e que non se restrinxira a un só modelo sexual.
Hai unha práctica unanimidade entre os e as especialistas que coinciden en que establecer como normal os comportamentos observados na ficción da pornografía pode acabar xerando frustración ao xerarse expectativas irreais. Estas conclusións están avaladas polos trastornos que psicólogas e psicólogos xunto con sexólogas e sexólogos tratan cada vez con maior frecuencia entre mozos e mozas, que é a dificultade para imaxinar e xerar fantasías mentalmente, precisando da estimulación visual para xerar excitación.

A pornografía practicamente adopta un único patrón: o home establece as prácticas sexuais e a muller adopta unha postura de submisión, e claro quen traslada este patrón á vida real pode acabar tendo problemas coa súa parella, rexeitamento, insatisfacción, ou outras que rematan en violencia de xénero.

En calquera caso, a pornografía nunca debe ser entendida como un elemento educativo, xa que limita a vida sexual, confunde coa realidade e desvirtúa as relacións ao non ter formado un esquema de sexualidade. Por último, pensamos que debe haber unha reflexión sobre o papel da educación nesta materia, xa que a prohibición non serve nin soluciona o problema, e a restrición de acceso a determinadas webs ou contidos aos mozos e mozas é moi difícil de conseguir. É polo tanto a educación, e a educación sexual particularmente a que debe asumir o rol informativo e formativo que axude ás e aos adolescentes a atopar respostas.