NON É NON!

NON É NON!

Hoxe queremos achegarvos un termo pouco coñecido, a denominada violación en cita. Preguntarédesvos, e que é a violación en cita? Pois ben, este termo emprégase para referirse a aquelas agresións perpetradas por parte de persoas coñecidas; normalmente nun entorno de festa e diversión o que xera distorsións a percepción do concepto de agresión e dificulta a súa identificación.

De feito, moitas persoas que sofren unha violación ou agresión en cita, non son conscientes de tela sufrido e consecuentemente non a denuncian, xa que a visión xeralizada que se ten do agresor é a imaxe dun descoñecido que nos asalta pola rúa; pois ben, non é así, a maioría dos casos de violación (aproximadamente un 81,4%) que se producen son perpetradas por homes do entorno  cos que compartes espazos, un ex-mozo ou un amigo íntimo co que saes de copas, deste xeito, as vítimas de violación en cita non denuncian principalmente por tres motivos: por medo a que se lles faga algo, vergonza de ter que contalo, ou ben porque non se recoñecen como vítimas.

A veces prodúcense situacións nas que a “chantaxe emocional” funciona empurrándonos a situacións comprometidas, como por exemplo pensar que estas obrigada a manter relacións cun amigo porque senón, para que o invítache a casa despois de saír unha noite? E evidentemente non hai ningunha norma escrita ou asumida, pola cal teñamos que manter relacións con esa persoa coa que pasaches a a tarde e a noite de festa, independentemente do que acontecera antes, para manter unha relación ten que existir consentimento.

É certo que existen “mitificacións” estendidas que xustifican o que non ten xustificación: cantas veces escoitamos “as mulleres din non cando queren dicir si”, “ela provocouno”, “convidouno a subir a casa... non vai ser para xogar ao parchís!”. Pois ben, o corpo da muller perténcelle á muller, e aínda que despois da cita na que ambos nos divertimos, se alguén non entende un NON, entón estará coaccionándote se sigue insistindo, e se non respeta ese NON e acaba forzándote a facer algo que non desexas, entón estará cometendo unha violación en cita.Vemos con preocupación como nas últimas datas saen a luz casos recorrentes de intentos de agresión, ou mesmo de violación, en festivais de verán ou verbenas. O alcol e drogas como a coñecida burundanga que anula a vontade están intimamente relacionadas con estes casos. Queremos que este pequeno apunte sirva para saibades detectar esa situación antes de que aconteza, e que non teñades medo a parala e denunciala xa que as persoas que agreden deste xeito, non soen facelo unha soa vez, se non que reinciden.

 

É fundamental deixar claro os teus límites, ninguén e nada que acontecera con anterioridade pode obrigarte a manter relacións en contra da túa vontade, ti decides!.