Falando de sexualidade con adolescentes

Falando de sexualidade con adolescentes

A sexualidade, un tema tabú.

Se uns pais ou nais están a considerar de súpeto que deben falar por primeira vez de sexo cos seus fillos e fillas adolescentes, seguramente estamos ante unha mala formulación, porque se non falaron da sexualidade e os seus aspectos desde a infancia con eles, facelo de forma repentina a esta idade pode ser difícil. Parece existir unha dificultade real ao tratar a cuestión das relacións sexuais cos mozos.

Non existe unha idade mellor que outra para falar de sexualidade cos fillos e fillas. A sexualidade está presente desde o nacemento, e debe ser un tema que non debe obviarse nas conversacións.

Só é necesario ter presente unha idea: en cada etapa hai que falar duns aspectos determinados da sexualidade e cunha linguaxe específica. E por suposto nunca enganar nin inventar fábulas explicativas.

Para educar aos nenos e nenas en sexualidade e afectividade existen materiais en formato conto, cómic, vídeo... elaborados adaptándose á linguaxe e desenvolvemento psicolóxico de cada idade, que os pais e nais poden utilizar de apoio.

As nais e os pais non deben deixar para a adolescencia o "tema" da sexualidade, porque se poden atopar coa sorpresa de que os seus fillos e fillas adolescentes saben máis cousas que eles de sexo, aínda que quizá moi mediatizadas por tópicos, ideas falsas e esaxeracións. Vivimos nunha sociedade da información, onde calquera, incluso unha nena ou un adolescente, ten acceso a libros, revistas, programas de TV, internet, programas de radio... onde continuamente se fala de sexualidade. Evitar o tema nas conversacións familiares non evitará que se aprendan ideas por estes outros medios.

A coordinación familia-sistema educativo, é o tándem perfecto para a educación afectiva e sexual.

A información sobre sexualidade na adolescencia

Aínda que progresivamente a sociedade vai cambiando en canto ao compromiso da educación sexual, a información sobre este tema provén fundamentalmente por canles extra-familiares. Nunha recente enquisa a adolescentes do Estado Español de 14 a 29 anos, só o 18,8% obtiveran a información sexual fundamentalmente do seu pai ou nai, a maioría deles case o 65% informáronse preferentemente dos seu círculo de amizades.

Aínda así, os mozos e mozas non confían moito na familia como fonte de educación sexual e pensan que os amigos e amigas, os libros especializados ou a propia experimentación, son os medios máis adecuados para obter información sobre sexo.

Falando de sexo con adolescentes

Un/unha adolescente debe chegar a esta etapa da vida coñecendo diversos aspectos da sexualidade, como:

  • Que a sexualidade é unha forma de relación entre as persoas, que é unha fonte de pracer físico e psíquico, e que a relación home-muller é a canle biolóxica para ter fillos/as.
  • Coñecer só certos aspectos fisiolóxicos do aparello reprodutor, e caracteres sexuais que diferencian ao home e a muller.

Na adolescencia hai que falar de certos temas, cunha linguaxe máis clara e sendo máis específicas e específicos. Hai que ter en conta que é o momento das primeiras experiencias sexuais, e que nun período de tempo variable segundo a persoa, pasarase de non ter experiencias sexuais ou só auto-eróticas, a tomar contacto con outra persoa e posteriormente á práctica do coito.

A educación sexual na adolescencia está intimamente ligada ao desenvolvemento afectivo e emocional. Non hai que caer no erro de ensinar a sexualidade coma se dunha práctica profesional se tratase, o sexo non é só coñecementos e habilidades, está moi mediatizado polos sentimentos. Por iso, algúns temas sobre os que haberá que falar, son:

  • As relacións de parella.
  • A non obrigatoriedade de cumprir prazos.
  • Cada un ten o seu ritmo.
  • Como dicir non se non se quere, ou non sinte preparada/o para ter relacións sexuais.
  • As diferentes opcións sexuais: non existe unha sexualidade única e válida. Falar tamén sobre a homosexualidade con normalidade.
  • A sexualidade como fonte de pracer asociada aos sentimentos e ao amor.
  • As enfermidades de transmisión sexual, que son e cales son os síntomas que permiten unha detención precoz; como previlas.
  • Embarazo; o risco da primeira vez; sistemas de prevención de embarazos.
  • Que é o aborto; deixar claro que o aborto non é un sistema de control de embarazos non desexados e que un aborto é algo moi traumático, pero prantexable.

Como falar de sexo con fillos e fillas adolescentes

O problema de conversar cos e coas adolescentes de calquera tema íntimo, é que adoitan ter certo reparo a falar con adultos das súas cousas e tenden a illarse. Pero se os pais e nais foron comunicativos/as desde a infancia con eles e elas, será máis fácil agora falar de sexo.

Como falar de todos estes temas?

Os pais e nais deben conseguir que os seus fillos e fillas confíen neles e que lles crean cando falen. Para iso é importante facelo progresivamente, falar destes temas con naturalidade ao ritmo que os fillos e fillas necesiten, apoiarse en exemplos: libros, películas, revistas... Unha película ou programa de TV poden insinuar un tema, e entón aproveitar a ocasión para falar diso.

Tamén xera confianza revelar experiencias propias, nais e pais poden contar as súas experiencias sentimentais e sexuais, sempre adecuando a conversación a quen nos está a escoitar. Se se crea un clima de confianza e credibilidade, os fillos e fillas irán preguntando as súas dúbidas e poderanse ir aclarando temas e profundando na educación sexual. Isto permitirá non dedicar un día exactamente a falar de sexo, senón considerar este tema como normal e sobre o que se pode falar en calquera momento.

Sería oportuno que pais e nais falasen co titor ou titora do centro escolar para coñecer se se realizou algún tipo de actividade de educación sexual no colexio. É moi probable que nas áreas de ciencias naturais todos os escolares estudasen aspectos fisiolóxicos da sexualidade. Esta coordinación permitirá complementar aspectos e non dar mensaxes contraditorias. Ademáis no mercado existen materiais para educación sexual de adolescentes que os pais e nais poden utilizar: libros, vídeos, revistas...

E o máis importante, educar na tolerancia

Deixamos este aspecto para o final, máis non por ser o último é o menos importante... en realidade todo o contrario xa que todas e cada unnha das accións que realicemos deben ir encamiñadas a conseguir unha sociedade máis igualitaria. Polo tanto é importante poder gozar de relacións afectivas e de parella saudables e en igualdade, enseñando e educando ne respecto e tolerancia ás diversidades sexuais e as identidade de xénero.