Deberes de cine

Deberes de cine

En breve comeza o novo curso de secundaria, tamén comezou en primaria e a nós apetécenos prantexarvos algúns deberes; non, non vos alarmedes, son fáciles de facer, ademáis de divertidos e por riba pódense facer en familia. Son deberes de cine, deberes que nos convidan a reflexionar a través das imaxes e un guión. Así que ao final deste artigo incluiremos un listado de películas que seleccionamos como interesantes, reflexivas e que educan en valores. Ademáis están feitas desde unha óptica feminista.

Para as persoas que non o coñezan existe un test, coñecido como test de 'Bechdel', test de 'Bechdel-Wallace' ou 'the rule', no que nos apoiamos e serve para comprobar se o guión dunha película, unha serie, ou ata outro produto cultural como podería ser un cómic ou un libro, conta coas características básicas para que a presenza feminina sexa xusta con respecto á do home, non falamos de estereotipos senón da brecha de desigualdade de xénero.

CRITERIOS PARA PASAR O TEST

Trátase de respectar catro criterios básicos para que a figura da muller no cine non sexa meramente instrumental, ornamental ou subordinada á do home. A proba pon en relevo a falta de perspectiva feminina e o androcentrismo que existe en moitas películas. As variables que ten que cumprir unha representación artística para pasar o test de 'Bechdel' son:

  1. Teñen que saír dúas personaxes femininas
  2. As personaxes femininas deben ter un nome dentro da obra e debe ser coñecido polo público.
  3. Estas personaxes deben manter unha conversa nalgún momento da obra.
  4. A conversa que manteñan debe estar relacionada cun tema á marxe do amor romántico. Se aplicásemos o test á inversa, observaremos que case todas as películas contan polo menos con dous personaxes masculinos con nome propio, que falan sobre cousas non relacionadas co amor romántico. Con todo, malia sinxeleza destes requisitos, non é tan común que se cumpran no caso das mulleres.

Para mostra do que vos acabamos de contar, un botón: PREMIOS OSCAR

Entre as obras nomeadas aos Oscar como mellor película de 2017, as únicas que pasan o test son 'Figuras Ocultas' e 'A chegada'. Na película nomeada 'Lion' as dúas personaxes femininas que aparecen non falan entre si, igual que pasa en 'Manchester fronte ao mar', 'Ata o último home', 'Comanchería' e 'Moonlight', por iso suspenden o test. No caso de 'LA LA Land' as dúas amigas da protagonista saen con ela nunha escena pero non se sabe como se chaman. O filme 'Fences' conta con dúas personaxes que son mulleres, a parte da protagonista, pero só se lles menciona e non chegan a aparecer.

A partir de agora, cada vez que vexas unha serie ou unha película ou leas un cómic, pensa nestas catro preguntas e pasa ti mesmo o test de Bechdel

Imos xa á cuestión dos deberes e a lista de películas que podedes ver en familia (ou non) e que aportan todas elas puntos de vista e historias interesantes. Xa vos advertimos que non todas pasan o Test, mais considerámolas importantes porque rompen cos estereotipos de xénero. A pesar do que poidades pensar, continua a ser habitual e maioritaria a creación de contidos filmográficos que reproducen uns modelos de masculinidade e feminidade que comportan roles e estereotipos sexistas.

Así que esta fin de semana podedes mercar flocos de millo e escoller peli, que o plan xa volo damos nós!

Para os máis pequenos (a partir de 5 anos)

-Mulán (1998): A película recibe o nome do seu protagonista, Mulán, unha moza que irá á guerra para ocupar o lugar do seu pai fronte á sorpresa de toda a súa familia. A historia da primeira princesa Disney que rompeu moldes, e que escapa do seu destino de muller perfecta, casada e submisa.

-Brave (2012): Mérida é unha princesa algo diferente ao que estamos afeitos, que se nega a seguir a tradición patriarcal de casarse cuns dos herdeiros dos outros clans, e que escapa ata da estética de perfección e medidas imposibles doutros personaxes femininos infantís

-Zootrópolis (2016): Nun mundo de animais, Judy quere ser a primeira coella policía. Os seus pais preferirían que traballase no campo, como toda a familia, e outros policías menosprézana e discriminan, pola súa especie e polo seu xénero. Aínda así, Judy loitará por ser unha boa policía, e para conseguilo contará coa axuda de alguén inesperado: un raposo.

 

Para os máis maiores (a partir de 12 anos):

 

-Billy Elliot (2000): Billy é un neno británico que sinte paixón polo ballet, malia non ter o apoio da súa familia. Trátase dunha xenial película para abordar dous dos elementos básicos no desenvolvemento integral do adolescente: a identidade de xénero e a educación emocional.

-Erin Brockovich (2000): Baseada en feitos reais, esta longametraxe trata sobre Erin, quen, malia ter unha vida chea de dificultades e sen recursos económicos, enfrontarase a unha importante empresa polas súas prácticas contaminantes e destrutoras do medio ambiente. Fai unha reflexión sobre como a película suscita temas de coidado e responsabilidade do fogar.

-Whale rider (2002): cuestiona os prexuízos de xénero e os seus estreitos vínculos coas estruturas culturais. A película narra a historia de Pai, unha nena de 11 anos que cre que está destinada a ser a nova líder da súa tribo, un posto que está unicamente reservado aos varóns.

-Quero ser como Beckham (2002): Dúas mozas, Jules e Jess, senten unha paixón moi especial polo fútbol. Jess ten 18 anos e vive coa súa familia hindú en Londres, quen non tolera moi ben a súa negación a cumprir o papel que se lle asigna como muller e o modelo tradicional de feminidade, do que se considera ser unha boa muller hindú.

-O sorriso de Mona Lisa (2003): Katherine é unha profesora farta de ver como as súas alumnas se conforman con cumprir o papel que a sociedade lles ten preparado, e intenta axudalas a que pensen por si mesmas. A película desenvólvese nos Estados Unidos de 1953, e conta con actrices tan coñecidas como Julia Roberts ou Kirsten Dunst.

-Ás cinco da tarde(2003): Unha gran película que ten como obxectivo a reivindicación do dereito á educación das mulleres. Desenvólvese en Afganistán, onde o burka, as tradicións e o réxime machista seguen profundamente ancorados na vida social do país.

-Douche os meus ollos (2003): Un relato duro, máis adecuado  a partir dos 14 anos, que nos amosa a historia dunha muller maltratada polo seu marido. É explícita mais é boa para reflexionar sobre a violencia física e psicolóxica exercida sobre ás mulleres

-Million dollar baby (2004): Clint Eastwood dirixe esta fantástica película sobre Maggie Fitzgerald, unha camareira que soña con ser boxeadora, interpretada por Hillary Swank. Maggie presenta un patrón de muller non acorde co ideal feminino, toda unha transgresora que contribúe ao cambio de percepción das mulleres no deporte.

-Persépolis (2007): Trátase da conmovedora historia autobiográfica de Marjane Satrapi, unha pícara iraní que crece no Irán da Revolución Islámica, en pleno apoxeo do fundamentalismo islámico. Longametraxe de animación que se pode ver con nenos/as a partir de 8 anos.

-Buda explotou por vergoña (2007): ¡Deixádeme ir á escola a aprender historias divertidas! é o desexo de Bakhtay, a protagonista desta conmovedora película. Bakhtay é unha pícara afgana de seis anos cuxo único desexo é aprender a ler, aínda que non o terá fácil. No camiño sufrirá o acoso doutros nenos, que pretenden derribala e lapidala como os seus maiores fixeron coas xigantescas estatuas de Buda.

-Os cazafantasmas 3 (2016): Despois do éxito colleitado pola película orixinal de 1984, ¡regresan as cazafantasmas! Aínda que non é unha película que podamos considerar de carácter feminista, é interesante comprobar como mulleres que rompen os estereotipos físicos e con motivacións diferentes ao amor romántico ou a maternidade poden protagonizar unha divertida historia.

-Figuras ocultas (2016): Tres brillantes científicas deberán abrirse paso na NASA para demostrar a súa valía. Nun contexto de loita polos dereitos dos mulleres e dos afroamericanos en Estados Unidos, estas tres mulleres serán clave para a carreira espacial entre Rusia e os estadounidenses.