Crónica dos últimos obradoiros

Crónica dos últimos obradoiros

Comezamos coa caravana de actividades o pasado día 15 de xuño; escollemos como primeira actividade a de AUTODEFENSA, dirixida a mulleres maiores de 16 anos dos diferentes Concellos nos que a Campaña QUEN DIXO MEDO ten programada unha parada. Para esta primeira xeira serán nove, e os dous primeiros foron o Concello de Fene e o de Cedeira.  En ambos houbo unha gran acollida por parte das entidades municipais, e tamén desde logo por parte das asistentes que nos transmitiron un alto grado de satisfacción coa actividade. O nivel de asistencia foi superior ao 70% sobre as prazas ofertadas.

A Psicóloga Sandra Calvo, docente da actividade, introduce ás participantes a través de material didáctico nos tipos e no ciclo da violencia de xénero, crea un clima que xera confianza necesario para que as experiencias traumáticas (en caso de habelas) sexan recoñecidas e identificadas.

A explicación foi acompañada da proxección de material audiovisual como curtametraxes representativas da violencia de xénero que desta volta incluso chegaron a emocionar ás participantes. Para rematar a parte teórica estableceuse un debate en torno ao material exposto co que extraemos conclusións e conseguimos reforzar os obxectivos que nos marcamos para esta actividade.

Xa na parte práctica, foron dous os monitores que realizaron o traballo coas asistentes ao curso ensinándolle técnicas básicas para zafarse dos seus agresores. Ensaiáronse unha decena de movementos tendo en conta variables como a corpulencia, situación, posición e outras que poden influír na toma da decisión máis axeitada sobre que técnica utilizar.