Ciberbullyng, Sexting, Grooming

Ciberbullyng, Sexting, Grooming

No ano ano 2016 o Tribunal Supremo dictou unha sentenza que condena a un home a 4 anos de cárcere por abusar dunha nena de 10 anos, na localidade de Huesca. O novidoso da sentenza foi que non houbo contigüidade física entre o acusado e a vítima. Esta sentenza reflicte a realidade actual das novas formas delituosas, dos riscos das redes sociais e da adaptación da Xustiza aos novos delitos. O contacto físico era ata hai pouco indispensable para fixar unha condena por agresións ou abusos sexuais a menores, pero Internet e as redes sociais cambiárono todo. Agora, o agresor achégase á vítima dunha maneira virtual, pero causa igual ou máis dano.

Sábeno ben as expertas e expertos que traballan na prevención de ataques a menores na súa identidade sexual e á súa privacidade a través das redes sociais. E así o saben tamén na fiscalía de menores, desde a que se nos recomenda elevar a alarma e pasar da cautela á desconfianza.

Son miles os  ataques a menores que cada día se producen nas redes sociais no mundo. Sempre hai un acosador utilizando un perfil falso para gañarse a confianza dun menor. O acosador escóndese detrás dunha identidade inventada que lle permite sentirse impune. Existe un Plan Director impulsado por todas as administracións públicas e o colexio oficial de enxeñaría informática de Galicia, no que se traballa xunto coas forzas de seguridade e outras expertas e expertos na mellora da seguridade en internet. Tamén asesoran aos colexios ante calquera problema que poidan ter, pero quizais o que falta é pisar o terreo e meterse nas aulas a falar de tí a tí co alumnado, contándolle experiencias e sobre todo escoitándoos a eles e a elas.

E nese sentido desde este proxecto, queremos cubrir esa carencia coa actividade que denominamos “NAS TIC MANDAS TI”. As redes sociais e o acoso van da man e son a maior preocupación da comunidade educativa galega, sabémolo de primeira man xa que as solicitudes para poder contar con esta actividade estannos a sorprender xa que superan con moito a planificación que nós tiñamos prevista para este ano.

Conceptos como «Sexting», «sextorsión» e «grooming» serán os que trataremos por consideralos os novos perigos, pero para moitas nais e pais son termos totalmente descoñecidos a pesar de que  están aí e son mencionados a diario polos seus fillos e fillas adolescentes. Son as novas ameazas para os menores nas redes sociais.

«Sexting». É o intercambio de fotos eróticas ou íntimas a través das redes sociais, case sempre desde teléfonos móbiles. Os menores deben saber que unha vez que as mandas perdes absolutamente o control sobre elas. Non sabemos o que a outra persoa vai facer, se a reenvía a un terceiro, se a vai a gardar ou se a vai a publicar nunha rede socia

«Sextorsión». É o paso seguinte ao sexting. Cando o receptor da foto ameaza ao menor con facela pública se non lle envía máis imaxes ou se non acepta un contacto físico. A foto acaba por ser enviada a «amigos» das redes sociais que en realidade son descoñecidos que aceptas nun perfil de Internet.

«Grooming». É o que fai un acosador sexual. Trata de gañarse a confianza dos menores con artimañas e enganos ata que consegue o seu obxectivo. É o maior perigo na rede social porque o acosador sabe onde están as debilidades e non se detén ata enganar ao menor.