Que música escoitan as e os adolescentes?

Que música escoitan as e os adolescentes?

A música sempre foi un dos elementos principais na formación da cultura e pode influír nas costumes e emocións das persoas. Ao longo da historia, a música sufriu grandes cambios, desde a música clásica, pasando pola música disco ata chegar á actual, cada época ten un estilo musical que a representa.

As e os adolescentes son as/os máis propensas/os a ser influenciadas/os polos novos estilos musicais, xa que se sabe que mozas/os constrúen a súa identidade co vestiario, o peiteado, a linguaxe e a música. Asi as e os adolescentes únense a grupos. Os amigos e amigas son o centro onde se forman os patróns de conduta que segue o/a adolescente. E este conxunto de crenzas constrúe a identidade dese grupo. Por iso é que a poboación moza, é o principal grupo no consumo de música en formatos (audio e video) e produtos diferentes (reprodutores MP3 e MP4); tamén son a audiencia principal das canles de vídeos musicais ou de cadeas de temática musical.

O feito é que unha das actividades que máis realizan os e as adolescentes é escoitar música; escoitan un promedio de 2,5 horas de música ao día. A música une ás persoas, é un elemento que inflúe na vida dos mozos e mozas, e a través dela, entre outras cousas interpretan a realidade que as rodea ou se identifican coas historias que contan as cancións.

E aquí chegamos onde queríamos chegar: as historias das cancións.

E que pasa con estas historias? É difícil respondelo nun só artigo, pero coincidiredes con nós se vos dicimos que na actualidade existe un tipo de música baseado no formato radio-fórmula que se caracteriza pola repetición ata o aburrimento de ritmos doados e pegadizos, acompañados de letras con rimas sinxelas que non buscan deleitarnos se non que repitamos continuamente. Ata aquí ningún problema verdade? Certo, só as persoas máis melómanas porán pegas. Mais o problema aparece cando desciframos a mensaxe... cando aillamos o ritmo e atendemos as letras das cancións, que adoitan ser historias de amor romántico, descricións de mulleres coma meros obxectos de desexo sexual, nos que a muller ten un papel submiso ou sometido. É dicir reproducen o mesmo esquema unha e outra vez, o esquema que reforza a sociedade machista. Ese esquema do que queremos fuxir para conquistar a igualdade real. Podemos pensar que elas máis eles pasan por alto as letras, ou a representación en vídeo desas letras, mais iso non quere dicir que non se vexan influenciados e influenciadas por elas. A mesma historia contada e escoitada unha e mil veces, reproducida e vista unha e mil veces máis, acaba, queridas amigas e amigos, por colarse nos imaxinarios colectivos das nosas mozas e mozos.

 E a estas alturas sen querer citar un estilo musical concreto acordámonos por exemplo do REGGEATON, que aínda que non che guste, seguro escoitaches no anuncio da tele, na cuña radiofónica, na discoteca ou do coche que pasaba coas ventaniñas baixadas! Está tan de moda que se non che gusta poderá chegar a parecerche unha condena. As súas rimas son toda unha declaración de intencións... por exemplo esta de Alex e Fido coa colaboración de Franco el Gorila “Yo tengo una gata que le gusta el castigo / Ella se vuelve loca cuando le meto agresivo / Cuando la cojo por el pelo / La pego a la pared, y le digo / Que la voy a mandar pal intensivo”, ou esta outra de Ñengo Flow “Mami, no es que yo te quiera decir puta, pero si tú eres puta te va a gustar”, aínda que Jiggi Drama coroase con estes versos “No vas a escaparte, no vas pa' ni ninguna parte, no vas a revelarte conmigo o te doy tu castigo, si sigues en esa actitud voy a violarte, esta noche terminas con una trauma”

Para deleitarse, ou non?

Moita da música que se escoita ten unha gran carga machista tanto na linguaxe utilizada como na mensaxe que nos transmite. Mensaxes onde a muller é utilizada polo home coma un mero obxecto sexual.

Por desgraza este estilo musical está moi difundido na nosa sociedade. Estas cancións reforzan ate a saciedade conceptos sexistas. As e os adolescentes deben ser conscientes deste tipo de violencia que sofren as mulleres, para evitar a discriminación social e o deterioro da imaxe da muller e non contribuír a que esta sociedade se estanque nunha culturalización sexista.

A adolescencia entre outras moitas cousas é unha época de formación de principios e conviccións. Segundo psicólogas e piscólogos, as nenas e nenos de aproximadamente 11 a 13 anos (pre-adolescencia) forman a súa gramática de valores na que comezan a comprender o significado do que serán os grandes principios que rexerán a súa vida. Despois, na adolescencia, fíxanse definitivamente (salvo algún suceso grave que impacte na súa vida) a xerarquía de valores, as conviccións que guiarán todo o seu comportamento consciente e libre. Isto significa que estamos ante unha época fundamental na súa formación. Será o noso deber como nais, pais titores e titoras que non asuman estas mensaxes como estereotipos e roles de xénero de como deben de  comportarse por ser un home ou unha muller.  

Pois ben, dende a campaña QDM, propoñemos a actividade Escoita o Meu Son, obradoiros dirixidos a adolescentes nos que se traballará sobre sexismo e música para reforzar a súa capacidade analítica e crítica.